Caro é o proxecto persoal da cantautora viguesa Carolina Vázquez Lemos. Caro críase nun ambiente musical no que era habitual asistir a ensaios e concertos e a práctica de instrumentos vivíase como un xogo máis no que atopar diversión. Con apenas 11 anos, sobe por primeira vez a un escenario ante uns cuantos centos de persoas e con 13 anos, a súa primeira composición, que conmemoraba o “día contra a violencia machista”, é reproducida en bucle durante toda a xornada de celebración no seu instituto.

 

Xa no 2020, Caro comeza os seus estudos musicais na “Escola de Rock” de Paredes de Coura, sede do prestixioso festival do noso país veciño. Portugal convértese así, nunha plataforma para Caro que a partir dese ano adquire peso escénico e versatilidade vocal, actuando en diversas localidades de Galicia e Portugal. A madurez vocal que acada lévaa a gravar coros en proxectos de bandas de rock xunto a cantantes referentes en Galicia como Lara Rodríguez (Broken Peach) ou Diana Tarín.

 

No seu proxecto artístico persoal, Caro presenta as súas potentes composicións asentadas sobre a calidez dunha voz que nos lembra a artistas do calado de Lina (da banda Morgan), Billie Eilish ou Olivia Rodrigo. O proxecto adquire unha dimensión máis seria ao ser escollida polo Programa de Mentoring de Descúbras II, dentro do cal se materializará o lanzamento do seu primeiro single “Despiértate”.

 

“Despiérate” convírtese nunha clara mostra da súa versatilidade compositiva e, ademais, da dimensión que alcanza co seu instrumento máis persoal: a voz. A canción relata as inseguridades dunha adolescente ante o plantexamento do seu futuro mais inmediato: seguir cara aos seus soños ou ir a polo que chaman “o seguro”.

 

Caro semella que o ten ben claro e, tras o seu paso por Descúbreas II, segue perseguindo os seus soños, formándose na “Escola de Rock” de Paredes de Coura e actuando en diferentes escenarios e eventos, coma a gala de clausura do programa “Depocrea” da Deputación de Pontevedra.

 

Escoita