Sara Casas é cantante e compositora, á vez que artista plástica e fotógrafa. Nada en Vigo, empeza a súa rodaxe en Galicia pero realiza as súas primeiras actuacións en Lisboa e Reino Unido, onde reside durante un tempo. Alí tocou en solitario, e con grupos que formou con varias músicas de distintas orixes, en diferentes salas e en festivais da cidade de Birmingham e Wolverhampton.

Combinando as súas diferentes facetas, organizou talleres musicais e de arte plástica con crianzas e mulleres en contexto de violencia de xénero, os cales servían como canle terapéutica e de apoderamento.

Posteriormente, trasladouse a Granada onde compaxinou as actuacións en diferentes locais e festivais da xeografía Andaluza co seu doutoramento en Artes e Historia, no que realiza unha investigación e un documental auto etnográfico do perfil das cantautoras, desde unha perspectiva de xénero.

En 2020 regresa a Vigo, actuando en solitario coas súas composicións propias, á vez que colabora con diferentes artistas.

Como resultado desta bagaxe personal, Sara Casas crea coa súa música un caleidoscopio sonoro que contén reflexos da súa orixe galega, aires portugueses, ritmos que lembran a Andalucía e as cadencias das melodías inglesas. A música de Sara Casas leva a lugares comúns, a emocións e vivencias compartidas con calquera persoa que se namorou, que crea na xustiza, que ame a terra ou que viva intensamente, porque disto van as súas cancións. A forza que presenta desde o escenario o seu canto acariña no máis profundo do ser. Os seus referentes son tan diversos como Chavela Vargas, Silvia Pérez Cruz, Amy Winehouse ou Luisa Sobral. En ocasións, acompáñana un cello ou piano, sumando á súa música elegancia, profundidade e un prisma sonoro diferente.

O seu sinxelo “Silencio”, gravado no Programa de Mentoring de Descúbreas II, é un canto á necesidade humana de buscar a harmonía vital. Unha canción intimista pero chea de forza que fala da necesidade universal de conectar coa natureza de forma espiritual e consciente. Sara Casas apela nesta canción á procura dunha vida en harmonía e a poder atopala.

Este sentimento continúa presente nos dous sinxelos que publicou tras o seu paso por Descúbreas: “Sorrir” e “El ritmo de la ciudad”. Ademáis en 2022, seguiu actuando en festivais tan coñecidos coma o “Espazo Fest”.

 

Escoita